Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Escapada de 3 días a Mar de Santiago para a ponte de outubro – Parte 2

Escapada de 3 días a Mar de Santiago para a ponte de outubro – Parte 2

Estás a planificar a túa escapada a Galicia para esta ponte de outubro? Se queres descubrir un destino sorprendente, desde Mar de Santiago propoñémosche un roteiro de tres días para visitar o noso xeodestino.

No noso último post detallabámosvos a primeira parte da viaxe, cun itinerario para o día de chegada que transcorría no municipio de Pontecesures. Se estás listo para dous días máis de percorrido por Valga, Catoira e Vilanova de Arousa toma nota, arrincamos!

Día 2: Valga e Catoira

Despois dun bo almorzo e unha visita á Praza de Abastos de Pontecesures coa súa interesante Casa da Lamprea, collemos o coche e poñemos rumbo ao municipio de Valga, segunda parada no noso camiño. Iso si, a viaxe non será moi longa, xa que a seguinte parada atópase a só 6 quilómetros do punto de partida! Iniciaremos a xornada na praia fluvial de Vilarello, un precioso parque próximo á desembocadura do río Ulla con espectaculares vistas a unha ampla braña. No espazo, que se atopa integrado na Rede Natura 2000, atópase ademais un dos cruceiros que compoñen o único vía crucis marítimo-fluvial de mundo, que marca o roteiro da Traslatio que percorre o noso xeodestino.

Tras a visita a esta paraxe, dirixímonos agora ao Miradoiro da Perdiz, un novo espazo creado polos propios veciños da aldea de Vilar, desde o que poden divisarse unhas impresionantes vistas das brañas do Ulla desde un gran bambán.

Despois de comer, poñemos rumbo a Catoira, o terceiro municipio do noso xeodestino e un lugar moi vinculado ao pobo viquingo a través das súas Torres de Oeste, unha antiga fortificación que buscaba defender Santiago de Compostela das invasións normandas. Para coñecer máis sobre esta historia recomendamos visitar o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO), un moderno edificio que alberga unha exposición sobre a fortificación e os ataques viquingos en Galicia.

Antes de partir cara a Vilanova de Arousa, onde pasaremos a noite, é totalmente indispensable gozar do atardecer no paseo fluvial que parte das torres. Trátase dunha pasarela de madeira que transcorre sobre a fermosísima marisma de Catoira, catalogada como Zona de Especial Protección, que non deixa indiferente a ningún visitante.

Día 3: Vilanova de Arousa e regreso a casa

Tras pasar a noite nalgún dos numerosos aloxamentos do lugar, toca gozar da terceira xornada do noso roteiro en Vilanova de Arousa, o último dos municipios que compoñen o noso xeodestino. Trátase dunha das vilas mariñeiras máis fermosas de Galicia, na que é posible gozar dunhas preciosas vistas da Ría de Arousa. Por iso, recomendámosche empezar o día dando un paseo entre a praia do Terrón e a praia das Sinas, desde a que poderás divisar unha espectacular panorámica das bateas de mexillón tan típicas da zona.

De volta á vila, os mexillóns seguen sendo protagonistas da xornada, xa que sen dúbida degustar este marisco típico de Galicia nalgún dos restaurantes de Vilanova de Arousa é un plan indispensable.

E falando de indispensables, non podes marchar de Vilanova sen visitar tamén algunha das súas famosas adegas de viño albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Agora si, o tempo acabouse e toca despedirse de Mar de Santiago para regresar a casa. Sabemos que a viaxe faise curta, así que se xa estás a pensar en regresar, na nosa web atoparás moitos máis recursos turísticos e todos os plans que non podes perder na túa próxima visita. Esperámosche en Mar de Santiago!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *