Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Goza da última festa do entroido de Mar de Santiago

Goza da última festa do entroido de Mar de Santiago

Esta fin de semana, non podes perderte no noso territorio a festa de Entroido por excelencia de Vilanova de Arousa, o Momo. Esta é unha das celebracións máis multitudinarias da comarca e, que este ano, busca superar as 20.000 persoas.

O Momo celebrarase o domingo 3 de marzo

Tras o seu aprazamento a pasada fin de semana por causas meteorolóxicas, este domingo día 3 de marzo, poderás gozar da tradicional festa do Momo, un dos grandes eventos de entroido do Salnés.

Esta celebración que pon fin ao Entroido da comarca, estará animada pola charanga Turtilla Du Ribés desde as 11 da mañá. A partir das 17 horas da tarde, comezará o desfile, que contará coa participación de Xacobe Pérez, Isi e David Amor, que continuarán poñendo o toque de humor a esta gran festa que se celebra no noso territorio cada ano.

No desfile, haberá carrozas vistosas e de cores que irán acompañando á do Momo, a Sardiña Xigante e a Raíña do Entroido, a ritmo de comparsas e charangas. É nese momento, no que se desvelará a identidade do Momo, descoñecida ata ese momento e, que como sempre, representará a un personaxe relevante deste ano.

Vilanova de Arousa, festexará o Enterro do Momo, acto que constitúe o punto final do Entroido deste municipio de Mar de Santiago e, para finalizar o acto, e tras a queima do Momo, veciños e visitantes poderán seguir festexando coa animación musical.

A Asociación de Comerciantes organiza unha Feira de oportunidades

Este ano, como novidade, poderase gozar no centro urbano, dunha feira de descontos do comercio local organizada pola Asociación de Comerciantes de Vilanova. Esta é a primeira vez que se fai coincidindo coa festa do Momo, e é que os comerciantes buscarán dar saída ao stock de tempada dos almacéns aproveitando a gran afluencia de visitantes que xera esta cita.

Nesta feira de oportunidades haberá ao redor dunha decena de postos, especialmente de téxtil e calzado, que se instalarán no colexio Julio Camba, na contorna da Praza do Concello e que se celebrará esta fin de semana en horario de 10 a 20 horas.

Esta fin de semana, despide o entroido en Mar de Santiago e aproveita para coñecer o noso territorio nunha das festas máis divertidas de Vilanova de Arousa. Esperámoste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *