Que é Mar de Santiago?

A ruta marítimo fluvial que deu orixe ao Camiño

pies traslatio

O dramaturgo e escritor vilanovés Ramón María del Valle-Inclán, a famosa cantante Bela Otero de Valga ou o primeiro arcebispo de Compostela e catoirense, Diego Xelmírez, serán as personaxes que nos acompañarán na nosa ruta a través do Mar de Santiago, guiándonos nunha viaxe onde a gastronomía nos permitirá achegarnos aos mexillóns de Galicia, ás augardentes máis tradicionais ou ás tan afamadas anguías. Unha experiencia que nos fará revivir as invasións normandas para roubar os tesouros de Santiago a través da Romaría Viquinga de Catoira, festa de Interese Turístico Internacional, ou somerxernos nas augas cristalinas da ría de Arousa nas praias das Sinas e do Terrón de Vilanova, ou na praia fluvial de Vilarello, en Valga.

O final do noso percorrido, Pontecesures, permitiranos ver de preto a ponte de doce arcos da época romana (século I) reformada no século XII polo Mestre Mateo, xusto ao lado do embarcadoiro da localidade e lugar de captura da lamprea, o peixe milenario do Ulla. Na praza de abastos, a tan só uns metros do porto fluvial, poderemos descubrir este manxar, e outros dos moitos tesouros gastronómicos de Galicia.

O Océano Atlántico na zona que abraza a desembocadura do río Ulla é o punto de inicio da tradición que recolle a primeira peregrinación a Santiago de Compostela. Desde Vilanova parte a máxica viaxe que nos leva polo Mar de Santiago, un percorrido que segue os pasos da barca que trasladou os restos do Apóstolo a Galicia. Unha ruta marítimo-fluvial que suca os concellos de Valga e Catoira, terras de lenda, ata chegar a Pontecesures, onde o percorrido segue o ronsel, xa por terra, do Camiño Portugués a Santiago.

Conta a tradición que o corpo do Apóstolo Santiago o Maior chegou a Galicia cara o ano 44, tras viaxar desde Palestina nunha barca de pedra guiada polos seus discípulos Anastasio e Teodoro. A embarcación cruzou a ría de Arousa e remontou o río Ulla ata Iria Flavia, a actual Padrón, desde onde continuaron viaxe para soterralo no interior de Galicia. Xa a comezos do s. IX descubriríase o sepulcro do Apóstolo, dando lugar ao nacemento de Compostela e ao fenómeno histórico da peregrinación a Santiago desde os confíns do mundo. Esta viaxe é coñecida como Translatio (ou Traslatio) e é a base sobre a que se sustenta a Variante Espiritual do Camiño Portugués e , tamén, a nosa ruta Mar de Santiago.

concha traslatio

Segue o trazado dos 17 cruceiros de pedra que sinalizan o percorrido. Volve á orixe do Camiño e descubre o Mar de Santiago. Unha ruta para embeberse de historia e sentir o espírito dos primeiros peregrinos a Compostela, paso a paso, gota a gota.

Mar de Santiago GAL
pies vetustos traslatio