Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Goza de Mar de Santiago en familia

Goza de Mar de Santiago en familia

As fins de semana, as pontes e festivos, ou mesmo algunha tarde, son momentos ideais para pasalos en familia. Desde Mar de Santiago queremos darche algunhas ideas para gozar do noso territorio cos máis pequenos da casa.

En primeiro lugar, e se sodes dos que lles gusta o aire fresco, nos municipios de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa contades multitude de espazos naturais con zonas de recreo onde dar un tranquilo paseo e aptos para nenos e nenas. Áreas recreativas como a praia Fluvial de  Vilarello, en Valga, ofrecen a posibilidade de pasar unha agradable tarde ou un día en familia. Un percorrido que se pode complementar, se xa vos animades a camiñar algo máis, cas rutas de sendeirismo dos Muíños de  Parafita e Raxoi completaredes a escapada ideal.

E se vos gustan os areais, tamén poderedes gozar das vistas a pé de praia en Vilanova de Arousa. Tanto en  As Sinas coma no  Terrón atoparedes paseos que poderedes percorrer facilmente. Ideal para unha tarde de outono na que queirades facer algo diferente. 

Parques infantís

Se vos apetece máis que os pequenos gocen dun divertido momento entre xogos, recomendámosvos os distintos parques infantís que poderedes atopar no territorio de Mar de Santiago. Como exemplo, na zona do porto fluvial de Pontecesures, xusto á beira do mercado de abastos e da Casa da Lamprea, atópase un recentemente estreado parque infantil que lles encantará. Construído integramente en madeira, conta con tobogán, bambáns, cordas e zona de xogos na que pasar unha tarde de diversión tras percorrer a ruta marítimo fluvial Mar de Santiago.

Especialmente curioso resultaralles un dos parques infantís de Vilanova de Arousa. Localizado moi preto do centro da vila, no  Xardín Sombrío, atoparedes unha  zona chea de árbores na que os nenos e nenas poderán gozar de xogos entre casiñas de diferentes cores. Mesmo terán a posibilidade de subirse a un autobús que evoca aos  icónicos londinienses onde poderán realizar unha divertida viaxe coa súa imaxinación ao volante.

Descubrindo a historia e a cultura

Por outra banda, e se vos gustan os plans máis culturais, non vos perdades o percorrido polas Torres de Oeste, en Catoira. Na pasarela que se atopa xusto á beira dos torreóns poderedes ver atracada a embarcación que se usa cada ano na Romaría Viquinga, Festa de Interese Turístico Internacional, polo que cun pouco de sorte poderedes ver de preto o auténtico barco pirata dos  normandos. E para profundar na historia do territorio tamén podedes realizar unha visita ao renovado Centro de Activación Cultural Torres de Oeste ( CACTO). Ademais do seu amplo contido expositivo, sorprenderédesvos coa sala audiovisual do soto que vos meterá de cheo na recreación das invasións viquingas.

Percorridos en barco

Finalmente, se vos interesa descubrir o territorio de Mar de Santiago desde unha perspectiva diferente, non dubidedes en solicitar un percorrido en barco. Tanto desde Pontecesures como desde Vilanova de Arousa poderedes navegar cara á Orixe do Camiño con calquera das tres navieiras que operan no noso territorio.

Durante a vosa travesía poderedes descubrir a único Vía Crucis marítimo fluvial do mundo, santo e sinal de Mar de Santiago. Unha experiencia apta para todos os públicos e que vos ofrece unha alternativa diferente para incorporar aos vosos plans de lecer en familia.

Con todas estas propostas, quen se pode resistir a facer plans cos pequenos no noso territorio? Esperámosvos en Mar de Santiago!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *