Mar de Santiago convértese este mes no xeodestino de referencia para experimentar os sabores. Ademais dos distintos festexos que se celebran ao longo destas semanas, o Concello de Valga ten en marcha a terceira edición do seu Agosto Gastronómico, que se celebra como antesala á XXXIII Festa da Anguía e Mostra Caña do País, que se desenvolverá entre os próximos días 19, 20, 25 e 27 de agosto.
O programa do Agosto Gastronómico, organizado por Indo e Vindo Gastronomía– ofréceche a posibilidade de gozar de distintos showcookings, talleres e concursos culinarios. Todos eles baixo un denominador común, a anguía, produto estrela deste municipio.
As dúas primeiras actividades deste programa contaron cunha excelente acollida. A primeira delas comprendeu un obradoiro de cociña infantil, que resultou todo un éxito.
A segunda, xa enfocada ao público adulto, ofreceu un completo showcooking, dirixido polos chefs Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña. Desenvolveuse no Centro de Interpretación da Cana valgués.
As preto de 50 persoas asistentes a esta actividade realizaron unha viaxe gastronómica con catro pratos distintos coa anguía como ingrediente principal. Así, visitáronse a través dos sabores unhas empanadillas indias, para despois trasladarse a Venezuela cunha orixinal receita de arepas. Continuou o percorrido por Italia, representado por unha adaptación dos tradicionais arancini. A última parada desta singular viaxe gastronómica foi Tailandia, cun curry tailandés de anguía con fabas. E, para completar a experiencia, engadiuse unha maridaxe con viños.
O Agosto Gastronómico de Valga continuará coa celebración do concurso @nguía Chef, que terá lugar os días 17 e 18 no Parque Irmáns Dios Mosquera. Para os días 20, 22 e 29 deste mes, ofreceranse outros tres showcookings: Moito máis que caña, A caña no prato e 10 anos de “tapa a anguía”.
Estas propostas complementaranse co programa de actividades da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Esta comezará o sábado 19 de agosto, coa celebración do ruta-concurso Tapa a Anguía. Permitirache degustar distintos petiscos con este produto en 9 bares de Valga: Caprichos, Maneiro, Potel, Couceiro, Auditorio, Palmeira Beach, Pardal, Comparada e Pontellón. Os petiscos poderanse degustar gratis coa consumición e poderán ser valorados pola clientela os días 19 e 20. Os días 26 e 27, só haberá degustación.
Aproveita o teu paso por Valga para coñecer este municipio de Mar de Santiago con máis detalle. Entre os puntos que che recomendamos e que están bastante próximos atópanse o propio parque Irmáns Dios Mosquera, o Museo da Historia de Valga, a estatua da Bella Otero e a Lagoa de Mina Mercedes.
Se tes máis tempo, podes aproveitar para ir a outros lugares ou para coñecer os outros municipios integrados no xeodestino Mar de Santiago: Pontecesures, Catoira e Vilanova de Arousa.