Co inicio do ano comeza tamén a época na que saborear o peixe máis prezado do Ulla, que dura ata mediados de abril. Só tes uns poucos meses ao ano para probala, así que achégache ata Mar de Santiago xa que moi pronto comeza a tempada da lamprea de Pontecesures.
Unha pesca artesanal
Este manxar captúrase nas augas do río Ulla cuns aparellos chamados butróns, feitos de maneira artesanal. Os pescadores arríanos dende as súas embarcacións durante o atardecer e déixanos toda a noite no fondo do río. Ao día seguinte, voilà! O peixe prehistórico do Ulla foi capturado.
Para saber máis sobre este peculiar animal, recomendámosche que vaias á Casa da Lamprea de Pontecesures. Situada nun anexo á Praza de Abastos, conta con material informativo e fotográfico para mergullarte na intrahistoria da lamprea.
A Festa da Lamprea
Desde 1996 celébrase a Festa da Lamprea, unha festa de exaltación gastronómica na que reunirse para gozar deste manxar. Ten lugar entre finais de marzo e principios de abril, coincidindo coa romaría do domingo de San Lázaro.
É unha gran ocasión para probar un dos pratos típicos da zona, a lamprea á bordelesa. Guísase no seu propio sangue e acompáñase de arroz e picatostes.
Un paseo por Pontecesures
Se a lamprea espertou a túa curiosidade, convidámoste a que veñas a Pontecesures. A pesar de ser unha pequena vila, dispón de diversos atractivos turísticos que paga a pena visitar. O máis emblemático é a ponte romana de dez arcos que suca o río Ulla, polo que pasa o Camiño de Santiago.
Como complemento á túa visita, recomendámosche visitar algún dos outros concellos do noso xeodestino Mar de Santiago. Poderás gozar tamén dalgún outro prato característico da gastronomía da zona.
Outra forma de coñecer a zona é realizando a ruta Mar de Santiago, baseada na Traslatio. É o mesmo camiño que os discípulos do Apóstolo fixeron para levar os seus restos de volta a Galicia.
Só tes que achegarte ata o porto de Mar de Santiago en Vilanova. Sucarás a ría vendo de preto os parques de bateas e as Torres de Oeste de Catoira ata chegar ao porto fluvial de Pontecesures. Logo, podes achegarte ata Valga e pasear ao redor da Lagoa Mina Mercedes. Prepárate para unha experiencia única!