A Semana Santa é o momento perfecto para explorar as encantadoras localidades que conforman o xeodestino Mar de Santiago. Desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures, pasando por Catoira e Valga, cada lugar ofrece unha gran variedade de actividades e hoxe desvelámosche as nosas catro opcións favoritas para esta Semana Santa. Acompáñanos neste emocionante roteiro cheo de cultura, gastronomía e natureza!
Vilanova de Arousa e as súas vistas únicas
Comeza a túa viaxe en Vilanova de Arousa, o municipio costeiro de Mar de Santiago. Durante Semana Santa, recomendámosche visitar o Miradoiro da Cruz de Lobeira, situado a uns 290 metros sobre o nivel do mar. Se o día está claro, terás unha panorámica espectacular da ría de Arousa, a illa de Ons, o istmo do Grove, e mesmo a serra do Barbanza e o val do Salnés.
Desde ese mesmo punto, na cima poderás ver un monumento ás vítimas do mar en forma de gran cruz cunha placa do Almirantazgo británico. Esta, lembra aos mariñeiros mortos no afundimento do buque escola “Serpent”. Sabíalo?
Valga, historia e natureza
Continúa o teu roteiro cara a Valga, onde a historia e a natureza combínanse para ofrecerche unha experiencia única. Desde visitar o Museo da Historia de Valga ata pasear pola Praia Fluvial de Vilarello, un espazo de gran valor ambiental.
Este recuncho do municipio do noso xeodestino conta con cafetería, zona de asadores, mesas e bancos, un parque infantil, área de autocaravanas… O que o converte nun enclave perfecto para visitar en familia ou entre amigos, aproveitando para pasear pola zona e gozar dunha comida no campo.
Descobre o illote de Catoira
Coñecida como Illa do Rato ou Ínsua dos Ratos, esta Semana Santa en Catoira poderás ver de preto un pequeno illote rochoso situado no río Ulla. Este, atópase fronte ás Marismas de Catoira e moi preto da súa ponte e as antigas fortificacións da zona, as Torres de Oeste.
Nos anos 60, nunha das rocas deste illote, levantouse un cruceiro que forma parte do Vía Crucis que lembra a chegada do corpo do Apóstolo Santiago, un percorrido formado por dezasete pezas repartidas por toda a Ría de Arousa.
Pontecesures, poñerá sabor ás túas vacacións
Finaliza o teu roteiro en Pontecesures, un encantador pobo atravesado polo río Ulla e coñecido pola súa Ponte Romana. Ao teu paso por este municipio, lembra que a Semana Santa coincide coa tempada da lamprea, o peixe máis prezado do río Ulla e que, en Pontecesures é de especial importancia.
Nesta localidade de Mar de Santiago atópase a Casa da Lamprea, un espazo que conta con diverso material informativo que a converte nun atractivo centro de interpretación. Aproveita para acompañar o teu roteiro cunha experiencia gastronómica nos restaurantes locais!
A Semana Santa en Mar de Santiago é unha oportunidade única para descubrir a riqueza cultural, gastronómica e natural desta zona de Galicia. Planifica agora o teu roteiro para explorar estas marabillosas localidades durante as vacacións de Semana Santa. Cada municipio ofrecerache unha experiencia única!