A Romaría Viquinga de Catoira regresa, un ano máis, cun sinfín de actividades. Mar de Santiago proxectarase de novo alén súas fronteras a través desta celebración. Trátase da única do noso xeodestino que conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.
Música, artes escénicas, gastronomía e un singular mercado medieval centran a ampla programación desta festa, que se desenvolverá entre o 1 e o 6 de agosto. Precisamente esta última xornada é a máis concorrida ao celebrarse a tradicional dramatización do Desembarco Viquingo, recreando as invasións normandas á que era a fortaleza de Compostela, nas Torres de Oeste. Todas as actividades serán de balde, agás o Xantar Viquingo.
O martes 1 e o mércores 2 de agosto o recinto das Torres de Oeste fará as veces de escenario para a representación teatral Un neno Viquingo. Cada un dos pases dará comezo ás 22.15 horas. Esta representación repetirase o xoves 3, previo concerto de Clara Pino e Pablo Vidal.
A fin de semana festiva comezará o venres pola noite, co pasarrúas de Upsala Medieval que realizará un percorrido, desde as 21.30 horas, entre a Alameda do Concello e a Praia Fluvial. Ás 22.00 horas, na Alameda da Praia Fluvial de Catoira ofrecerase a primeira xornada do festival Vikinsons, que contará coa actuación de Luar na Lubre e Skáld.
Para o sábado 5 de agosto resérvase o Xantar Viquingo (14.30 horas) para despois continuar, ás 16.00 horas, cunha nova actuación de Upsala Medieval. Abrirá tamén as súas portas o Mercado medieval, que continuará ata a tarde do día seguinte.
A cativada terá o seu espazo cun desfile infantil de vestiario vikingo ás 16.00 horas e cun gran concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, ás 19.30 horas no recinto das Torres de Oeste. Upsala Medieval regresará ás 20.30 horas cun pasarrúas entre este lugar e a praia fluvial.
A noite estará protagonizada polo festival Vikinsons, desde as 21.00 horas na Alameda da praia fluvial de Catoira. Poderase gozar das actuacións de Bloody Sunrise, Celtas Cortos, Dakidarría e Lontreira.
A 63 Romaría Viquinga de Catoira será un fervedoiro de asistentes na súa xornada grande, o día 6. Esta comezará ás 10.00 horas cun pasarrúas de grupos folclóricos desde a Alameda do Concello ata o recinto das Torres de Oeste. Ás 11.00 horas, haberá unha degustación de mexillóns e viño tinto da Ulla e actuacións de Troula e Upsala Medieval.
A actividade estrela terá lugar ás 12.30 horas coa dramatización do Desembarco Viquingo. Centos de veciñas e veciños representarán as invasións normandas. Chegarán a Torres de Oeste nos drakkars viquingos ante miles de persoas. Finalizará a mañá coas actuacións de Troula e Upsala Medieval (13.45 horas).
Pola tarde, ofreceranse as dúas últimas actividades na Alameda do Concello. Ás 19.00 horas, espectáculo Clownamorado, de Rudi Dudi, e ás 20.30 horas, o concerto de TOR-Folk céltico da Galiza.
Aproveita para descubrir Catoira yMar de Santiago!