Se che gusta a natureza, Mar de Santiago é o territorio perfecto! Ofrecémosche 4 roteiros senderistas coas que che sorprenderás con paisaxes a pé de río Ulla, patrimonio histórico único e incribles panorámicas. Queres saber máis? Segue lendo!
Tres dos percorridos propostos poderalos seguir a través do programa Goza do Ulla 2023. Esta iniciativa, na que se inclúen 14 concellos bañados por este río, ofrece percorridos senderistas guiados ata finais de outubro.
Roteiro Ollando o Ullán, en Pontecesures
O primeiro deles terá lugar o 20 de agosto en Pontecesures, co roteiro denominado Ollando o Ullán. O traxecto, de 15 quilómetros, é de dificultade media e complétase nunhas 4 horas.
Poderás subir as ladeiras dos montes Castro Valente e Salgueiras para despois pasar polo Miradoiro do Monte Galiñeiro. Todos estes puntos permitiranche descubrir o Val do Ullán, cuxos paisaxes son debuxados polo río. Tamén coñecerás os petróglifos da Pedra da Serpe mentres descendes cara á capital cesurá.
Roteiro dos Muíños de vento e Camiño Real, en Catoira
A segunda cita no territorio de Mar de Santiago terá lugar o 1 de outubro en Catoira e durará unhas 4 horas. O Roteiro dos Muíños de vento e Camiño Real, é circular e esténdese 9 quilómetros. Descubrirache as impresionantes vistas da ría de Arousa desde o miradoiro dos muíños de vento.
O itinerario tamén inclúe unha parada nos petróglifos de Barral, así como as aldeas da parroquia de Abalo con casas tradicionais restauradas. Contémplase, finalmente, unha visita á Lagoa de Pedras Miúdas, unha antiga canteira de pedra reconvertida agora en área recreativa.
Roteiro O Ulla, entre telleiras e outros proxectos, en Valga
Goza do Ulla finalizará no noso xeodestino o 28 de outubro co roteiro O Ulla, entre telleiras e outros proxectos, en Valga. Trátase dun percorrido circular -con saída e chegada a Mina Mercedes– de 16 quilómetros e dificultade baixa.
O itinerario inclúe o paso polas parroquias de Campaña e Cordeiro, visitando lugares moi relacionados coa actividade fluvial, como o embarcadoiro de Santa Cristina. O percorrido levarache polas telleiras de Roeiro e Padín para continuar pola Mina Porto Piñeiro.
Roteiro dos Miradoiros Lobeira e Faro dás Lúas, en Vilanova de Arousa
E para completar o teu periplo senderista por Mar de Santiago, recomendámosche o roteiro PR-G 126, en Vilanova de Arousa. Nos seus 4,5 quilómetros de percorrido, poderás coñecer os miradoiros de Faro das Lúas e Lobeira.
O itinerario conta con bastante desnivel entre ambos os miradoiros, pero o esforzo valerá a pena pola incrible panorámica que che regalará este cume, chea de historias e lendas. Gozarás dunhas impresionantes vistas da Ría de Arousa e de gran parte do Val do Salnés.
Como podes ver, no noso xeodestino poderás gozar do sendeirismo e de singulares percorridos. Anímaste a visitarnos?