Mar de Santiago continúa o seu labor de promoción entre a poboación local coa aposta polo envellecemento activo. Así, 600 maiores dos municipios de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa poderán coñecer de primeira man o percorrido da Traslatio a través do xeodestino. As viaxes realizaranse entre os meses de novembro e decembro, sendo un total de 4 xornadas.
Esta iniciativa encádrase dentro das propostas que o xeodestino ten para contribuír ao impulso do sector turístico na zona. Ademais, búscase mellorar a saúde das persoas maiores con actividades que promovan hábitos de vida saudables a través de propostas de interese para este colectivo.
O obxectivo desta iniciativa é que un total de 600 maiores -150 por cada municipio- realicen o percorrido da Traslatio en catamarán e descubran o territorio de Mar de Santiago. No seu percorrido terán a oportunidade de coñecer de primeira man a único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo, á vez que se achegarán á gran riqueza natural e paisaxística do xeodestino.
Esta proposta de lecer permitiralles coñecer de preto a costa da Ría de Arousa no punto onde conflúe co río Ulla, conformando un espazo natural marítimo-fluvial único. Na súa navegación polas augas do Océano Atlántico pasarán a poucos metros de bateas onde poderán ver o traballo da extracción do afamado mexillón arousán para despois continuar por zonas nas que poderán apreciar o patrimonio histórico desde outra perspectiva.
Xa en territorio de Catoira, marabillaranse coa singularidade do estuario do río Ulla mentres realizan unha viaxe á época dos viquingos admirando os restos da que foi a antiga fortaleza de Compostela ao seu paso polas Torres de Oeste. En Valga, poderán descubrir a única praia fluvial do xeodestino, Vilarello, na que tamén se sitúa un dos 17 cruceiros que compoñen rel percorrido da Traslatio.
Seguindo o curso do río Ulla cara a Pontecesures, deleitaranse coas fermosas paisaxes a pé de curso fluvial. O percorrido a través do Vía Crucis finalizará no paseo fluvial cesurán, onde poderán visitar o Fito Xacobeo.