Agora que se achegan unhas datas tan sinaladas, desde Mar de Santiago propoñémosche un plan perfecto para pasalo ben cos teus. Celebra este Nadal visitando o Belén de Valga. Será unha experiencia única!
O Belén Artesanal en Movemento de Valga é unha das representacións do Nadal máis espectaculares de Galicia polo seu gran tamaño. Este, que se sitúa nunha superficie de aproximadamente 250 m2, está formado por algo máis de 3.000 pezas, 300 delas en movemento. Queres saber máis? Queda a ler o noso post completo!
Un belén para todos os públicos
Ademais das escenas relixiosas clásicas, as figuras do Belén de Valga tamén representan momentos característicos da vida galega, como a matanza o porco ou a elaboración do viño e da augardente.
Os propios veciños de Valga poden verse reflectidos no Belén, con pezas que mostran entre outras cousas algunhas festividades típicas do concello. Do mesmo xeito, conta con algúns dos personaxes ilustres de Valga, pero tamén de Galicia, como Rosalía de Castro.
Cada ano, este Belén Artesanal en Movemento incorpora representacións da actualidade. Pois, dende a súa inauguración o pasado 4 de decembro, podemos apreciar a figura das Tanxugueiras, a morte da Raíña Isabel II ou unha pequena homenaxe a quen loitou contra os incendios de Galicia este verán.
Cando podes velo?
O Belén de Valga, que desde o seu comezo en 1995 xa foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, estará dispoñible ata o 8 de xaneiro e poderás visitalo de luns a venres de 17:30 a 20:30, as fins de semana e festivos de 17:00 a 20:30 e adicionalmente, os domingos e festivos tamén pola mañá, de 12:00 a 14:00. Para grupos podedes reservar chamando ao 630 95 25 15 ou ao 986 55 94 56. Este ano, non te perdas a oportunidade de visitar o Belén artesanal en movemento máis grande do territorio galego e un dos máis importantes de España.
Para completar a túa saída ofrecémosche outros plans propios do Nadal cos que poderás gozar dos concellos de Mar de Santiago. Tamén che recomendamos visitar algún dos seus múltiples atractivos turísticos, como as Torres de Oeste de Catoira, a Ponte Romana de Pontecesures ou Casa Museo de Valle-Inclán de Vilanova. Prepárate para un Nadal inesquecible!