Ponte Romana de Pontecesures
Ponte Romana de Pontecesures
Dirección
36640 Pontecesures, Pontevedra
Coordenadas GPS
Lonxitude: 42.725696047065206
Latitude: -8.654714659497197
Durante moito tempo afirmouse que o topónimo “Pontecesures” tiña a orixe en que a ponte fora construída por orde dun césar (Pons Caesaris), posiblemente César Augusto, nunha época de clara expansión do Imperio. Non obstante, parece máis probable que a raíz etimolóxica estea en “cessuris” (para os transeúntes) ou incluso en “censuris”, xa que a ponte serviría para realizar os censos romanos, que permitían controlar o número de habitantes e o pagamento dos tributos.
En todo caso, a ponte é un elemento esencial na historia e na economía da zona desde a súa orixe no s. I d. C. ata a actualidade, xa que estamos nun importante cruzamento de camiños. En tempos de Augusto, a Vía XIX unía Bracara Augusta (Braga en Portugal) con Asturica Augusta (Astorga), pasando por Tui, Pontevedra, Caldas, Pontecesures, Iria, Santiago e Lucus Augusti (Lugo). Na Idade Media permitía pois enlazar Santiago de Compostela co porto de Cessuris, as Torres do Oeste e a ría de Arousa.
Hoxe en día une as terras de Pontevedra e da Coruña, conducindo os peregrinos no seu camiño a Santiago e soportando un importante tráfico de vehículos, o que dá idea da súa robustez e bo estado de conservación, en parte grazas ás restauracións ás que foi sometida, sendo a máis importante a acometida no século XII de mans do Mestre Mateo.
Se hoxe podemos observar doce arcos que lle outorgan unha figura robusta e maxestosa, no momento da súa construción o río Ulla abarcaba unha extensión moito maior, polo que a ponte chegou a ser incluso máis longa.