Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » 5 curiosidades de Mar de Santiago que tes que saber antes de ir

5 curiosidades de Mar de Santiago que tes que saber antes de ir

Desde o porto de Vilanova ata as terras de Pontecesures, este roteiro marítimo-fluvial está cheo de datos que seguro que descoñeces. Se estás a pensar en visitar o noso xeodestino e os municipios que o forman, non te perdas este post porque queremos compartir contigo 5 curiosidades sobre Mar de Santiago que tes que saber antes de ir. Preparado para descubrilas?

Mar de Santiago, a primeira peregrinación a Santiago de Compostela

O porto de Vilanova é o punto de partida deste singular percorrido por Mar de Santiago, un roteiro marítimo fluvial que segue os pasos da barca que trasladou os restos do Apóstolo a Galicia, polo que se trata do inicio da tradición que recolle a primeira peregrinación a Santiago de Compostela. Sabíalo?

Este roteiro navega polo Mar de Arousa e o río Ulla e vai pasando polos 4 municipios do xeodestino: Vilanova, Valga, Catoira e Pontecesures, onde o percorrido segue a súa estela, xa por terra, do Camiño Portugués a Compostela.

Valle-Inclán, veciño ilustre de Vilanova

Sabías que Valle-Inclán naceu en Vilanova de Arousa? Este dramaturgo, poeta e novelista español, formou parte da corrente literaria do modernismo, polo que se lle considera un dos autores crave da literatura española do século XX.

Así, na Praza do Castro, moi preto do porto Mar de Santiago, atópase o Monumento a Ramón María del Valle-Inclán. Ademais, na súa casa, coñecida tamén como “Casa do Cuadrante”, agora convertida en Casa Museo, podemos atopar exposición sobre a súa obra formada por primeiras edicións das súas publicacións, xornais e outros documentos.

Catoira, terra de viquingos

No pasado, en Catoira vivíronse numerosos ataques viquingos coa intención de asaltar Compostela. É por iso que, para protexer o territorio, mandáronse construír as Torres do Oeste. A día de hoxe, a primeira fin de semana de agosto celébrase en Catoira a Romaría Viquinga, festa Declarada de Interese Turístico Nacional.

Se che gustan as historias viquingas, debes saber tamén que no río Ulla pódese realizar un tramo en kaiak que vai desde a Praia fluvial de Vilarello, en Valga, ata as Torres del Oeste en Catoira. Ao longo do percorrido, terás a oportunidade de contemplar de preto os famosos drakkar viquingos, uns barcos emblemáticos cunha vela e varias filas de remos.

O Fito Xacobeo en Pontecesures

Nas inmediacións da histórica Ponte Romana de Pontecesures, atopamos a última das 17 figuras do Vía Crucis, que traza o roteiro seguido polos restos do Apóstolo Santiago na súa Traslatio desde Xerusalén ata o seu sepulcro en Compostela.

O Fito Xacobeo é unha figura, erixida en 1965 e representa ao Apóstolo Santiago vestido como un peregrino medieval, evocando a esencia mesma da peregrinación. Desde as illas de Malveira Grande e Cortegada ata Pontecesures, cada parada do Vía Crucis conta unha parte da historia que culmina no destino do que hoxe coñecemos como Compostela.

Lagoa Mina Mercedes, unha transformación natural

A Lagoa Mina Mercedes, situada en Valga, viviu unha gran transformación. O que algunha vez foi unha explotación de arxila en mans dunha empresa local do municipio, converteuse na maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra.

E é que, na década dos oitenta, este gran baleiro encheuse gradualmente con auga de forma natural e, hoxe en día atrae a visitantes en busca da natureza no seu máximo esplendor.

Antes de embarcarte na túa aventura por Mar de Santiago, asegúrate de ter en mente estas cinco curiosidades que enriquecerán a túa experiencia. Desde os legados literarios en Vilanova ata as pegadas viquingas en Catoira, cada parada nesta viaxe achégate máis á rica historia e a transformación natural que caracterizan aos nosos municipios. Esperámoste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *