Mar de Santiago vén de ser escollido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), a través da Sociedad Mercantil para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas (SEGITTUR), como un dos cinco destinos de España que este ano se sumarán ao Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA). Como parte da Rede de Destinos Intelixentes (DTI) estatal, o xeodestino -no que se integran os Concellos de Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures– será obxecto de estudo para posta en marcha dun Plan de Impulso para a creación e posta no mercado de experiencias agroturísticas que permitan a posta en valor do territorio.
Este proyecto permitirá innovar e diversificar as propostas ofertadas no noso xeodestino ás persoas visitantes, contribuíndo, así, a desestacionalización do turismo. Ao tempo, favorecerá a posta en valor do sector primario, unha das principais base da economía do noso territorio, apostando por experiencias turísticas de calidade centradas nas persoas.
Accións a desenvolver
Grazas ao apoio de SEGITTUR, levaranse a cabo unha serie de accións neste último trimestre do ano:
- Unha análise da situación do territorio con respecto ao desenvolvemento de experiencias agroturísticas
- A sensibilización do ecosistema turístico e o sector primario
Con estes primeiros pasos dados, procederase ao deseño dun Plan de impulso, que fará as veces de folla de ruta para implantar o Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA) promovido por SETUR, co correspondente asesoramento e acompañamento técnico ao ente xestor do xeodestino.
Coa fin de reforzar a aposta por este tipo de modelo turístico, ofrecerase formación específica ás empresas de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa en materia de creación de experiencias agroturísticas. Ao igual que no caso anterior, aportarase o asesoramento e acompañamento técnico para o seu desenvolvemento. Isto implica desde a mentorización individual -con asistencia técnica personalizada ás empresas participantes na formación ou seleccionadas polo seu interese- ata a elaboración dun Plan para a creación de experiencias agroturísticas.
Plan de impulso para a creación de experiencias turísticas
Unha vez finalizado todo este proceso, previsiblemente, a finais deste ano, o xeodestino disporá dun Plan de impulso para a creación de experiencias turísticas baseadas no sector primario. Así mesmo, contará cunha rede de empresas preparadas para iniciar a comercialización de experiencias agroturísticas competitivas, favorecendo, así, o enriquecemento da súa proposta turística, integrada no Grupo de Traballo de Turismo Rural da Rede DTI.
A Rede DTI de SEGITTUR
Mar de Santiago incorporouse o pasado ano á rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), composta na actualidade por 618 membros. Deste total, 437 son destinos turísticos, 87, institucións e os 91 restantes, empresas.
Neste ano 2023, Mar de Santiago foi seleccionado xunto coa Deputación da Albacete na comarca Sierra del Segura; o Concello de Vinaròs (Castellón); a comarca del Baix Empordà (Girona); Cartagena (Murcia), e a comarca de Las Cinco Villas (Zaragoza). Deste xeito, o xeodestino é o primeiro de Galicia que se beneficiará do impulso á creación de experiencias turísticas no sector primario da devandita rede.