Saltar ao contido

Mar de Santiago

Que é Mar de Santiago?

A ruta marítimo fluvial que deu orixe ao Camiño

pies traslatio

O dramaturgo e escritor vilanovés Ramón María del Valle-Inclán, a famosa cantante Bela Otero de Valga ou o primeiro arcebispo de Compostela e catoirense, Diego Xelmírez, serán as personaxes que nos acompañarán na nosa ruta a través do Mar de Santiago, guiándonos nunha viaxe onde a gastronomía nos permitirá achegarnos aos mexillóns de Galicia, ás augardentes máis tradicionais ou ás tan afamadas anguías. Unha experiencia que nos fará revivir as invasións normandas para roubar os tesouros de Santiago a través da Romaría Viquinga de Catoira, festa de Interese Turístico Internacional, ou somerxernos nas augas cristalinas da ría de Arousa nas praias das Sinas e do Terrón de Vilanova, ou na praia fluvial de Vilarello, en Valga.

O final do noso percorrido, Pontecesures, permitiranos ver de preto a ponte de doce arcos da época romana (século I) reformada no século XII polo Mestre Mateo, xusto ao lado do embarcadoiro da localidade e lugar de captura da lamprea, o peixe milenario do Ulla. Na praza de abastos, a tan só uns metros do porto fluvial, poderemos descubrir este manxar, e outros dos moitos tesouros gastronómicos de Galicia.

O Océano Atlántico na zona que abraza a desembocadura do río Ulla é o punto de inicio da tradición que recolle a primeira peregrinación a Santiago de Compostela. Desde Vilanova parte a máxica viaxe que nos leva polo Mar de Santiago, un percorrido que segue os pasos da barca que trasladou os restos do Apóstolo a Galicia. Unha ruta marítimo-fluvial que suca os concellos de Valga e Catoira, terras de lenda, ata chegar a Pontecesures, onde o percorrido segue o ronsel, xa por terra, do Camiño Portugués a Santiago.

Conta a tradición que o corpo do Apóstolo Santiago o Maior chegou a Galicia cara o ano 44, tras viaxar desde Palestina nunha barca de pedra guiada polos seus discípulos Anastasio e Teodoro. A embarcación cruzou a ría de Arousa e remontou o río Ulla ata Iria Flavia, a actual Padrón, desde onde continuaron viaxe para soterralo no interior de Galicia. Xa a comezos do s. IX descubriríase o sepulcro do Apóstolo, dando lugar ao nacemento de Compostela e ao fenómeno histórico da peregrinación a Santiago desde os confíns do mundo. Esta viaxe é coñecida como Translatio (ou Traslatio) e é a base sobre a que se sustenta a Variante Espiritual do Camiño Portugués e , tamén, a nosa ruta Mar de Santiago.

concha traslatio

Segue o trazado dos 17 cruceiros de pedra que sinalizan o percorrido. Volve á orixe do Camiño e descubre o Mar de Santiago. Unha ruta para embeberse de historia e sentir o espírito dos primeiros peregrinos a Compostela, paso a paso, gota a gota.

Percorridos en barco por Mar de Santiago

A ruta Mar de Santiago sitúase en Galicia, destino final de todos os Camiños, e máis concretamente no centro da Ría de Arousa, a máis famosa das rías galegas.

Partindo desde o porto de Vilanova de Arousa, remontaremos a parte da ría e o tramo final do río Ulla, percorrendo paisaxes de gran beleza e relevancia histórica nas localidades de Catoira e Valga para chegar ao noso destino, o porto fluvial de Pontecesures.

Desde alí, a nosa ruta enlaza coa última etapa do Camiño Portugués, a só 25 quilómetros da meta: Santiago de Compostela.

O percorrido por Mar de Santiago tamén se pode realizar á inversa. Podes estender a túa experiencia no Camiño continuando o percorrido polo Camiño Portugués ata Pontecesures. Alí tomarás o barco ata Vilanova.

Navega á Orixe. Visita Mar de Santiago.

Mapa Traslatio GAL

Navieras con saídas en barco desde Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures

Horarios segundo as mareas.

La Barca del Peregrino

607 911 523

Tour Rías Baixas

680 733 990

pies vetustos traslatio