Torre de Cálogo
Torre de Cálogo
Dirección
Plaza San Marcos s/n 36620 Vilanova de Arousa, Pontevedra
Coordenadas GPS
Lonxitude: 42.567110225271
Latitude: -8.828311544253744
A torre é o único resto que permanece en pé do antigo mosteiro beneditino de San Cibrao de Cálogo, fundado por San Frutuoso no s. VII. O mosteiro foi destruído por ataques normandos nos séculos IX e X.
De base cadrada, está formada por perpiaños de granito, e no alto mantense parte dunha espadana con doce arcos de medio punto nos que outrora habería outras tantas campás. Tamén se conservan restos dunha escaleira exterior, desde a que se accedería ao campanario.
A torre sitúase na parte máis alta do terreo, non ten ningún tipo de elemento decorativo e estaba separada do resto de edificacións, polo que todo parece indicar que se trataba dunha edificación defensiva construída para dar aviso da presenza de invasores chegados por mar. Deste xeito formaría parte dun sistema defensivo máis complexo no que se integrarían as distintas torres e fortalezas existentes ao longo da costa e que culminarían coa fortaleza e Torres do Oeste.
Recentemente localizouse un documento datado no 884 no que se recolle unha doazón ao mosteiro, e na que se fai mención expresa dos peregrinos a Santiago de Compostela, o que a converte na referencia máis antiga, ata o momento, do Camiño de Santiago na comarca.
OFICINA TURÍSTICA DE
Vilanova de Arousa