Alfolín de renda
Alfolí de renda
Dirección
Lugar Factoria, 8, 36640 Pontecesures, Pontevedra
Coordenadas GPS
Lonxitude: 42.72222608264947
Latitude: -8.652024279353604
Trátase dun edificio rotundo, de estilo barroco, construído no 1795 e en cuxa fachada destacan un enorme escudo borbónico e a inscrición “Los almacenes de la renda del tabaco construídos en el año de MDCCVC reinando el Señor Dn Carlos IV”.
Denominouse Alfolín de Rendas estancas do Tabaco e a súa finalidade era servir de almacén oficial e posto de control de produtos suxeitos a autorización real para o seu comercio e explotación como o sal, o tabaco, o xofre, ou os cereais. A súa existencia é unha clara mostra da importancia do porto de Cesures como vía de entrada de produtos cara a Compostela, xa que este era o único porto autorizado a comercializar o sal en toda a ría de Arousa, desde 1467.
Debido ao calado do río Ulla, os barcos cargueiros que traían o sal fondeaban na ría e trasladaban este produto en barcos de vela dunhas vinte toneladas ou galóns. Desde o porto, o sal era transportado en tonas duns 25 kg que as mulleres cargaban nas súas cabezas e levaban ata o alfolín. Alí descargaban, e repetían o proceso ata teren baleirada toda a carga, algo que podería ocupar dous ou tres días a unhas 40 ou 50 mulleres, moitas delas nenas.