Porto fluvial de Pontecesures
Porto fluvial de Pontecesures
Dirección
Av. Eugenio Escudero 36640 Pontecesures, Pontevedra
Coordenadas GPS
Lonxitude: 42.723069431709376
Latitude: -8.65414142727224
Coñecido como Cesures polos romanos, este porto foi durante séculos a base comercial e económica da comarca. Xa hai mostras disto nos primeiros asentamentos coñecidos, os castros de Porto e Infesta, onde se atoparon restos de cerámica fenicia, grega e cartaxinesa.
Coa romanización desenvólvese o porto vencellado á veciña Iria Flavia, hoxe Padrón, e o importante nó de comunicacións que se establece a partir da construción da ponte. Aínda que sería a lenda da viaxe do corpo do Apóstolo Santiago, o descubrimento da súa tumba e o posterior crecemento de Compostela co inicio da peregrinación o que realmente impulsaría este porto durante séculos.
Co arcebispo Xelmírez aumenta o seu valor ao construírse os asteleiros e co rei Enrique IV afiánzase o seu poder comercial ao ter a exclusiva para descargar produtos de gran valor como sal, tabaco, xofre, etc. Durante a primeira metade do S.XX desenvólvese nas súas inmediacións unha importante actividade industrial con factorías como a de Nestlé, Cerámica Celta ou a veciña Finsa, xa en Padrón. Boa parte delas continúan a súa actividade.
Actualmente é un punto esencial na Traslatio ou Variante Espiritual do Camiño Portugués mediante a que se percorre en barco o último tramo, entre Vilanova de Arousa e Pontecesures, seguido pola barca de pedra que, segundo a lenda, trouxo a Galicia os restos do Apóstolo Santiago.