Este domingo 3 de decembro, Valga inaugurou o seu tradicional Belén artesanal. A Asociación Amigos do Belén fixeron, un ano máis, un traballo excepcional que o converte de novo nun dos beléns máis importantes de Galicia. Contámosche máis sobre o!
Máis de 4.000 pezas resumen o 2023 no Belén de Valga
Miles de persoas visitan cada ano o Belén de Valga, Declarado de Interese Turístico de Galicia, que no seu percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego e que, ademais, repasa acontecementos de actualidade que foron sucedendo ao longo do ano.
Este ano, o belén artesanal de Mar de Santiago conta cunhas 4.500 pezas feitas a man e moitas delas con movemento que, dispostas nuns 400 metros cadrados, represéntannos sucesos a nivel local, nacional e internacional.
Entre as figuras e escenas incorporadas a esta edición, que como sempre, mantéñense en segredo ata o día da inauguración, atópanse os actos de entronización do rei Carlos III de Inglaterra, a coroación na Abadía de Westminster e o percorrido polas rúas de Londres. A Casa Real española tamén ten un oco neste belén artesanal, coa Princesa Leonor como protagonista, xurando a Constitución tras cumprir a maioría de idade e xurando a bandeira na Academia de Zaragoza.
Outro dos acontecementos que sae reflectido no belén de Valga, é o triunfo da selección feminina no Mundial de Futbol, xunto coa polémica que acabou provocando a saída de Luis Rubiales da Federación. “Os Mozos de Arousa” que arrasan no programa de Reacción en Cadea, tamén teñen a súa propia miniatura, igual que Ana Obregón e a súa neta, as vodas de Tamara Falcó e Chabelita Pantoja ou, personaxes que faleceron nestes últimos meses como Pepe Domingo Castaño, Tina Turner, Carmen Sevilla ou María Teresa Campos.
O Miradoiro da Perdiz incorpórase ao Belén de Valga
Se algo non pode faltar este ano no belén artesanal de Valga, é o seu recentemente estreado Miradoiro da Perdiz do que xa falamos noutra ocasión. Este, foi recuperado polos veciños de Vilar a través do concurso Embelecer Valga e desde entón, está a atraer un gran número de turistas a este territorio de Mar de Santiago.
Os festexos do Corpus e as súas alfombras florais son outro elemento de nova creación do mesmo xeito que a entrada dunha cabra no colexio electoral de Igrexa, Setecoros. A estes elementos, súmase a renovación das pezas que representan o Castillo de Herodes, a Pousada e o pesebre.
Se queres visitar un dos beléns máis importantes de Galicia, ten en conta que este estará aberto ata o día 14 de xaneiro co seguinte horario: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Descobre toda a información na súa web e visítanos este Nadal para despedir o 2023 coñecendo Mar de Santiago. Esperámoste!