A mellor maneira de gozar de vistas pouco coñecidas e perspectivas diferentes en Mar de Santiago é sen dúbida, subir a bordo das embarcacións que percorren esta ruta marítimo fluvial. Con porto de saída na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa, poderás pasar moi preto de espazos singulares e mesmo protexidos, que non son accesibles a pé. Anímaste? Non perdas:
- A Ría de Arousa, unha das máis especiais de Galicia e cunha riqueza recoñecida internacionalmente, será o primeiro punto das nosas recomendacións. Observa a gran variedade de bateas a poucos metros da embarcación, centros de cultivo de mexillóns co mellor sabor e selo DO Mexillón de Galicia. Goza da paisaxe que nos deixa a caprichosa costa nesta zona, na que se comeza a mesturar a auga salgada do Atlántico co caudal doce do río Ulla.
- No punto onde conflúen as provincias de Pontevedra e A Coruña, a ría déixanos á vista un dos seus grandes secretos, que só se aprecian a bordo: o estuario do Ulla. Nesta localización o río galego penetra no mar formando unha ampla enseada, abríndose á ría nun magnífico espectáculo natural e de alto valor ecolóxico.
- As brañas do río Ulla son unhas marismas recoñecidas polo seu valor natural e integradas na Rede Natura 2000 nos concellos de Valga e Pontecesures. A fauna autóctona, formada por numerosas clases de aves como patos salvaxes, garzas reais ou bubelas, as cores douradas, as formas imposibles entre as zonas húmidas, son unha escena que non podes perderte.
- As Torres de Oeste desde a perspectiva dos barcos viquingos que tentaban entrar en Galicia a través do río. A maxestade e beleza da outrora fortaleza de Compostela.
- Por último, observa os detalles da ponte romana de Pontecesures desde a auga, último paso antes de retomar o Camiño a pé ata a meta: Santiago de Compostela.
Mar de Santiago, no seu traxecto a bordo, é unha experiencia difícil de esquecer e que nos pon en contacto coa esencia dun destino por explorar en Galicia. Un Camiño á orixe dos primeiros peregrinos, unha ruta de volta ao patrimonio natural de Vilanova de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures. Descúbreo!