Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Plan perfecto para Semana Santa en Mar de Santiago

Plan perfecto para Semana Santa en Mar de Santiago

Achégase un dos meses máis esperados: abril xa está aquí! Pero non te preocupes se aínda non pensaches en que facer. No noso xeodestino, temos o plan perfecto para Semana Santa en Mar de Santiago.

A bordo pola orixe das peregrinacións

Gustaríache facer o Camiño de Santiago esta Semana Santa? Propoñémosche un dos tramos máis pintorescos cara Compostela: a Variante Espiritual do Camiño Portugués e a súa etapa máis especial: a bordo pola Traslatio!

Achégate a Vilanova de Arousa e aproveita para percorrer o Paseo Marítimo ou gozar da zona de restauración situada xusto na beirarrúa de en fronte. O teu barco, con saída dende o Porto Mar de Santiago, partirá cara un percorrido marcado por 12 dos 17 cruceiros de pedra que sinalan lugares dos que só poderás desfrutar a bordo.

Pero non te preocupes se vés dende Santiago! Poderás gozar da ruta á inversa, con saída no Porto fluvial de Pontecesures e con destino final en Vilanova de Arousa.

Ao seu paso, poderás observar paraxes naturais e un rico patrimonio cultural. As emblemáticas Torres de Oeste de Catoira, a Praia Fluvial de Vilarello de Valga, a Ponte romana de Pontecesures, e moito máis! Ao final do traxecto, situaraste na última etapa do Camiño Portugués, a tan só 25 km de Santiago de Compostela.

Descarga o mapa e a guía de Mar de Santiago e non perdas ningún detalle da ruta. Baixo demanda, o traxecto realízase con algunha das catro navieiras do noso xeodestino. Ponte en contacto e planifica xa as túas vacacións de Semana Santa!

Mar de Santiago, paso a paso

Aínda que a mellor forma de desfrutar das vistas de Mar de Santiago é a bordo, o noso xeodestino esconde unha infinidade de sorprendentes lugares que non deberías perder.

Visita Vilanova de Arousa e percorre as súas fantásticas praias. Trátase dun municipio de longa tradición na produción de mexillóns, así que non te vaias sen degustar a D.O.P. Mexillón de Galicia na súa ampla oferta de restauración. Iso si! Non te esquezas de mellorar a túa experiencia gastronómica cun bo viño D.O. Rías Baixas.

En Mar de Santiago sabemos que coñeces a Romaría Vikinga de Catoira, pero este pequeno municipio esconde moito máis! Pois, é o único concello de Galicia que posúe exemplos dos tres tipos de muíños tradicionais: de vento, de mareas e de río. Ven e coñece a súa historia!

Percorre o paseo peonil dende Catoira ata Valga. Sorprenderache a súa flora e fauna, que forman parte do LIC Sistema Fluvial Ulla-Deza. Remata a túa experiencia visitando Pontecesures, pero date présa! Non queremos que perdas os mellores atardeceres dende o espectacular Miradoiro de O Galiñeiro.

As paisaxes bañadas pola Ría de Arousa e o Río Ulla invitarante a coñecer o noso xeodestino dende todas as súas perspectivas. Anímaste a descubrir Mar de Santiago en Semana Santa?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *