Mar de Santiago está xa en Fitur, unha visita encabezada polos alcaldes de Pontecesures e Valga, Juan Manuel Vidal Seage e José María Bello Maneiro; polo primeiro tenente de alcalde de Vilanova, Javier Tourís; e o concelleiro de Catoira Ivan Caamaño, aos que acompañan outros representantes dos catro concellos e técnicos, co obxectivo de continuar promocionando o Xeodestino turístico e atraer novos visitantes ao territorio.
Mar de Santiago evoca á orixe das peregrinacións, coa ruta marítimo-fluvial “Traslatio” como principal reclamo, polo que o Xeodestino aposta polo turismo relixioso como nicho no que seguir captando peregrinos, tratando de alongar a estela dos dous Anos Santos consecutivos 2021/2022 e de aproveitar a grande afluencia que rexistran ano tras ano tanto o Camiño Portugués coma a Variante Espiritual.
Neste sentido, o mercado portugués está a ser prioritario para Mar de Santiago durante estes días, con reunións con diferentes touroperadores e empresarios do sector das zonas de Fátima e Porto especializados en turismo relixioso e cultural, tendo en conta a importante presenza dos peregrinos lusos nas rutas xacobeas que discorren polo territorio integrado na marca. Todos eles son potenciais visitantes aos que Mar de Santiago pode ofrecer a experiencia única de revivir o percorrido realizado polos restos do Apóstolo Santiago e a posibilidade de descubrir a cultura, gozar das paisaxes, do patrimonio e da gastronomía de Catoira, Vilanova, Valga e Pontecesures.
Mañá, ás 10:30 horas, terá lugar no stand de Galicia a presentación do Xeodestino turístico. Neste acto darase a coñecer a estratexia de Mar de Santiago para a vindeira temporada turística, con novas accións que contribúan a reforzar a liña de crecemento que mantén a marca dende a súa creación. Unha gran oportunidade para dar a coñecer as 4 localidades que conforman o noso xeodestino!