Entre os moitos atractivos de Mar de Santiago podemos presumir de que no noso territorio contamos cunha festa declarada de Interese Turístico Internacional desde 1988. Pois como saberás, cada primeiro domingo de agosto celébrase a tradicional Romaría Viquinga na localidade de Catoira.
Este ano, aínda que cun programa e unhas condicións diferentes a como os coñecemos, tamén foi unha cita que non faltou para os catoireses. E é que o espírito dos viquingos volveu inundar o lugar coa súa particular viaxe no tempo.
Os comezos desta festa remóntanse ao ano 1960. O seu obxectivo é lembrar e conmemorar as invasións escandinavas, viquingas, normandas e sarracenas a terras galegas. A finalidade dos invasores estaba en chegar a Santiago de Compostela a través do río Ulla e así conquistar Galicia e saquear a Catedral. Para protexerse, levantáronse as hoxe en día coñecidas como Torres do Oeste, e é aí onde se escenifica o desembarco Viquingo, protagonista desta celebración.
Así foi a Romaría Viquinga nun ano atípico
Aínda que este ano, a Romaría Viquinga de Catoira celebrouse sen o seu tradicional desembarco debido á situación sanitaria actual derivada da COVID-19, non se perdeu a esencia que caracteriza esta festa. As tres embarcacións chegaron ás ruínas cos viquingos, pero sen asalto, sen combate e sen un amplo público que observase os ataques.
Os invasores navegaron un ano máis polas augas que bañan Catoira ante un público conformado polas 200 persoas que conseguiron as entradas expedidas polo Concello. Sen dúbida, botamos de menos o tradicional desembarco, pero estivemos expectantes ante a súa chegada a terra.
A festa seguiu cuns pasacalles de viquingos para animar o ambiente ante a chegada de Baiuca, músico orixinal de Catoira que actuou a media mañá nas Torres do Oeste. O artista puxo a banda sonora perfecta a unha festividade de bárbaros que alzan a voz cos seus berros de guerra. Tras a actuación, os drakkars Torres de Oeste, Frederikssund e ArdglassCatoira ascenderon polo río Ulla ata a Illa de Castrivello.
Enriquece a túa experiencia
Catoira forma parte do territorio Mar de Santiago xunto ás localidades de Vilanova de Arousa, Valga e Pontecesures. Trátase dun destino idóneo para visitar este verán e máis se o acompañas de experiencias como a de vivir o desembarco viquingo.
A cima do cantil da lagoa de Pedras Miúdas ou o Monte Mesón de Abalo, están cheos de muíños de vento datados a finais do S. XIX e en bo estado para visitar se pasas por Catoira. Trátase de lugares perfectos para ter a vista panorámica da ría de Arousa e a desembocadura do Ulla. Ademais, a lagoa de Pedras Miúdas é un espazo espectacular para pasar a tarde rodeado de natureza.
As Torres do Oeste, xa citadas con anterioridade, son máis que restos de fortaleza. Trátase dun dos lugares máis importantes de Galicia pola súa historia e significado. Dúas torres de pedra levantadas nunha contorna fluvial chea de beleza paisaxística.
Se aínda non coñeces Catoira, é un bo momento para facelo. Pois tamén poderás desprazarte polos demais destinos que conformaron o Camiño orixinal a Compostela e coñecer, así, parte das Rías Baixas.
Catoira é, sen dúbida, un lugar con encanto e que vale a pena visitar. Non só por ser un símbolo de loita, senón porque a súa contorna e a súa beleza cultural déixannos gozar do atractivo galego. Esperamos que o próximo ano podamos revivir este día tan especial que marcamos no calendario festivo de agosto e, por suposto, contar co desembarco dos viquingos catoireses.
Animaríaste a vir?
Foto: Concello de Catoira