Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Mar de Santiago continúa mostrando a súa oferta turística en FITUR

Mar de Santiago continúa mostrando a súa oferta turística en FITUR

O noso xeodestino, Mar de Santiago, segue a súa andaina por Fitur na procura de atraer persoas ó territorio formado polos concellos de Catoira, Valga, Vilanova e Pontecesures. Na mañá deste venres, tivo lugar en Madrid a presentación na que se puideron avanzar as liñas mestras a seguir durante este ano para redobrar o número de visitas, especialmente a través do turismo de grupos, fomentando a creación de novos produtos que consoliden a Mar de Santiago como un destino de interese e que permiten diferenciala doutras zonas. Ademais, a presentación contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Entre as iniciativas recollidas para o presente ano respecto a Mar de Santiago, atópanse a sinalización inversa da ruta dende a Praza do Obradoiro e a creación dunha ruta a pé para que os peregrinos poidan realizar o traxecto entre Vilanova e Pontecesures, ou viceversa, pasando polos catro concellos. Tamén se incentivará o investimento turístico en Mar de Santiago para mellorar a oferta existente en consolidar o territorio como referente. Entre outras medidas, tamén cabe destacar que a marca está comprometido co desenvolvemento sustentable e que, a través dun plan de acción pola paisaxe, adoptaranse medidas para minimizar o impacto da actividade, nunha aposta decidida polo turismo sostible, tendo en conta que este xeodestino é unha oportunidade única de gozar da beleza e da riqueza do territorio

A promoción de Mar de Santiago continuará tamén en distintas feiras sectoriais de carácter nacional e internacional dando a coñecer o xeodestino aos diferentes públicos, coa fin de seguir acadando novos fitos na historia deste territorio que, xa nos dous últimos anos, derivou nun notable incremento no fluxo de visitantes. O pasado verán foron máis de 3.300 as persoas que descubriron de primeira man a ruta “Traslatio”, seguindo o mesmo percorrido que fixeron os restos do Apóstolo Santiago no século I, e a estación marítima recibiu neste bienio case 18.000 visitas. Ademais disto, tamén debemos ter en conta a boa acollida que tivo a excursión Mar de Santiago, que se puxo en marcha o pasado verán, e que combina a viaxe marítimo-fluvial coa terrestre para difundir a ampla gama de recursos culturais, espectaculares paraxes naturais, delicias gastronómicas e o patrimonio histórico co que contan os concellos adscritos á marca.

Nava Castro definiu Mar de Santiago como “unha viaxe máxica que rememora a primeira peregrinación a Santiago” e incidiu en que se trata da única ruta xacobea recoñecida que non é terrestre. Pola súa parte, o delegado territorial sinalou que este xeodestino que se asenta “nun produto turístico de enorme forza e nivel como é a Traslatio”, o que a converte nunha “marca poderosa e atractiva e un exemplo do emprendemento de catro concellos que innovan e arriscan”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *