Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Mar de Santiago comeza esta fin de semana o seu “Agosto Gastronómico” coa anguía e a caña de Valga como protagonistas indiscutibles

Mar de Santiago comeza esta fin de semana o seu “Agosto Gastronómico” coa anguía e a caña de Valga como protagonistas indiscutibles

Anguila de Valga

Mar de Santiago dará comezo esta fin de semana a unha das súas exaltacións gastronómicas máis coñecidas. Neste caso, falamos do “Agosto Gastronómico”, que nos deixa a  XXXI Festa da anguía e Mostra da caña do país que mantén vivo o espírito dos de Valga.

A vinculación de Galicia coa gastronomía é un feito. E aínda que este ano, do mesmo xeito que o anterior, non está permitida a degustación e a verbena, si que se volverá a exaltar a anguía e a caña do país como principal atractivo para vir a Valga nos días 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de agosto.

A anguía e os augardentes para goce de padais exquisitos

En Valga temos para comer e beber ata cansarnos. Do río Ulla podemos saborear a anguía, un peixe azul digno de  degustar se visitas a localidade. Aínda que este manxar o podes degustar tamén en restaurantes e casas de comidas de Valga, no “Agosto Gastronómico” poderás probalo como máis che apeteza:  empanado, frito,  guisado…

A caña do país de Valga elabórase nas distintas parroquias da localidade con técnicas de destilado tradicionais que converten este augardente nun dos mellores da comunidade galega. Os mellores  cañeiros de Valga acoden a este evento para realizar a mostra da caña do país e contentar aos asistentes cun dos mellores produtos da localidade, os seus destilados.

Así, neste “Agosto Gastronómico” haberá concursos, talleres, catas e demostracións culinarias para gozar dun dos peixes máis exquisitos do río Ulla e tamén das súas augardentes. Ademais disto, a participación nas distintas actividades do “Agosto Gastronómico” son gratuítas e de carácter solidario. As persoas que se inscriban deberán achegar un quilo de alimentos non perecedoiros que, despois, serán entregados a familias con escasos recursos.

Unha boa iniciativa!

Nesta tradicional festa tampouco faltará a música nin a diversión, pois contaremos coa actuación da Banda de Música Municipal de Valga e outras actividades lúdicas. Aínda que será diferente a como tradicionalmente coñecemos esta festa, non temos dúbida de que non faltará o bo ambiente que caracteriza a festa da anguía e Mostra da caña do país.

Empápate de Valga mentres saboreas os seus produtos máis tradicionais

Valga forma parte de Mar de Santiago xunto ás localidades de Vilanova de Arousa, Catoira e Pontecesures. O encanto desta vila está na súa historia e nas súas paisaxes verdes propias de Galicia.

Fervenza de Valga

Se che gustan as contornas naturais, tranquilas e que che fan desconectar tes que coñecer Valga por un mesmo. As augas do río Valga, afluente do Río Ulla, pasan por unha pasarela de madeira que leva á Fervenza de Raxoi e aos Muíños de  Parafita que dan o encanto ao lugar e que leva como banda sonora, o son da auga. Trátase dunha preciosa paraxe na que a natureza brilla no seu máximo esplendor.

Seguindo na mesma liña, temos en Valga o Parque fluvial de  Vilarello situado no tramo final do río Ulla con vistas inmellorables. No lugar, disponse de parque infantil, zona de  pícnic, grelladas e cafetería. Unha opción para pasar a tarde en compañía de amigos, familia ou mesmo para aproveitar e conectar contigo mesmo.

A Lagoa Mina Mercedes ten máis de 3 hectáreas e 20 metros de profundidade. Encheuse de maneira natural e agora está convertida nun zona húmida idónea para dar un paseo rodeado de paisaxes con encanto que evocan sensacións como a paz, a calma e a tranquilidade. Sen dúbida, unha contorna á que vale a pena achegarse.

E lembra, se visitas o “Agosto Gastronómico” de Valga, non te esquezas de coñecer a localidade e descubrir en profundidade os seus segredos. Achégate aos seus arredores para gozar Mar de Santiago ao completo e levarche unha experiencia inigualable polas demais localidades que o conforman. Goza da anguía, a caña do país e da contorna natural de Valga!

Fotos: Concello de Valga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *