Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Máis dun centenar de residentes en Pontecesures realizan o percorrido pola Traslatio a través de Mar de Santiago

Máis dun centenar de residentes en Pontecesures realizan o percorrido pola Traslatio a través de Mar de Santiago

PontecesuresExcursionMarDeSantiago

Máis dun centenar de veciñas e veciños de Pontecesures participaron nunha excursión por Mar de Santiago. Esta completa xornada ofreceulles a oportunidade de descubrir o percorrido da Traslatio entre o porto fluvial cesurán e a estación marítima de Mar de Santiago, en Vilanova, sucando o Ulla entre as paisaxes de Valga e Catoira descubrindo a único vía crucis marítimo-fluvial do mundo a través dos distintos cruceiros que se poden ver no percorrido polo territorio.

As máis de 120 persoas asistentes déronse cita no porto fluvial de Pontecesures. Desde alí subiron ao barco para seguir os pasos do Apóstolo entre esta localidade e a de Vilanova de Arousa, sucando as augas do xeodestino. Durante o percorrido, puideron descubrir as impresionantes paisaxes naturais a pé de río Ulla, incluídos na Rede Natura 2000. Así, no municipio de Valga fíxose unha breve parada fronte á praia fluvial de Vilarello, un dos puntos de referencia para peregrinos e visitantes.

Durante todo o percorrido a través da Traslatio, recibiron as explicacións correspondentes sobre a importancia da contorna natural, así como detalles sobre a evolución histórica e cultural do territorio. Sobre isto último, falouse na parada fronte ás Torres de Oeste, en Catoira. Ademais de coñecer a importancia deste punto na época das invasións normandas, tamén puideron ver unha perspectiva diferente deste conxunto histórico. Do mesmo xeito, descubriron a beleza do singular estuario do río Ulla ao seu paso por este municipio.

Xa saíndo cara á ría de Arousa, as persoas participantes nesta excursión tiveron a oportunidade de achegarse ao traballo desenvolvido nas bateas. A través das explicacións dos guías, descubriron como se cultivan e extraen os afamados mexillóns amparados na súa maioría baixo a DOP Mexillón de Galicia.

Unha vez na estación marítima de Mar de Santiago, o nutrido grupo visitou a capital de Vilanova de Arousa. Tras un percorrido polo paseo marítimo e unha parada no conxunto escultórico en honra a Valle-Inclán, a comitiva trasladouse a Casa-Museo do escritor e tamén descubriron a renovada Casa-Museo dos Irmáns Camba. Deste xeito, achegáronse ás figuras dun literato de referencia e a dous destacados xornalistas con orixes neste municipio.

En xeral, as valoracións das persoas asistentes foron en grao sumo positivas. Ademais, mostráronse moi sorprendidas con todos os tesouros naturais, patrimoniais e históricos cos que conta Mar de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *