Turismo familiar
Descubre unha ruta perfecta para gozar en familia. Parques infantís, zonas de recreo en medio da natureza, praias de auga doce e salgada, e moitos espazos verdes para que os máis cativos da casa poidan coñecer, ao seu ritmo e con todas as facilidades para os papás, un contorno único, no que o río Ulla nos ensina a súa maxestosidade e grandeza.
Praias das Sinas
1.
Arenais de Vilanova
As praias de Vilanova de Arousa son perfectas para visitar en familia pola pouca profundidade e a tranquilidade das súas augas. Tanto O Terrón como As Sinas, os areais máis importantes do municipio, contan con vixilancia, ademais de accesos sinxelos para chegar andando ou en coche, e numerosos servizos moi próximos á praia.
Recreación do drakar viquingo
2.
Barco Drakar Viquingo en Catoira
Na contorna das Torres do Oeste, xusto ao lado do Centro de Activación Cultural, atópase unha réplica do drakar viquingo que fará as delicias dos máis cativos da casa. Ademais, no pantalán, xusto ao lado dos torreóns, acostuma estar atracada a embarcación que se usa cada ano na Romaría Viquinga, polo que cun pouco de sorte poderedes ver de cerca o auténtico barco pirata dos normandos.
Parque infantil no ecomuseo
3.
Ecomuseo de Valga
O Ecomuseo de Valga está formado por cinco dos espazos naturais máis importantes do municipio. Pero se se trata de viaxar con nenos, sen dúbida a praia fluvial de Vilarello é o lugar que non podedes deixar de visitar. Ademais de contemplar a beleza das brañas do río Ulla e de darte un baño na praia fluvial, este espazo é en verdade unha gran zona verde con mesas para pícnic, parque infantil, bar, e un amplo aparcadoiro que inclúe unha área de servizo para autocaravanas.
Área infantil en Pontecesures
4.
Área infantil de Pontecesures
Na zona do porto fluvial de Pontecesures, xusto a carón do Mercado de abastos e da Casa da Lamprea, vemos un recentemente estreado parque infantil que lle encantará aos cativos.
Construído en madeira, conta cun tobogán, bambáns, cordas, e zona de xogos de madeira na que pasar unha tarde de diversión tras percorrer a ruta marítimo fluvial Mar de Santiago.