Saltar ao contido

Mar de Santiago

Portada » Catoira inaugura o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste, unha viaxe pola historia viquinga no Mar de Santiago

Catoira inaugura o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste, unha viaxe pola historia viquinga no Mar de Santiago

InauguracionMuseoCatoiraMarDeSantiago

Mar de Santiago enriquece a súa oferta cultural coa apertura do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste ( CACTO). Localizado en Catoira, moi preto dos icónicos vestixios a pé de río, este espazo convídache a realizar un amplo percorrido pola evolución histórica deste particular xacemento. O acto de apertura estivo presidido polo alcalde de Catoira, Alberto García; o comisario da exposición permanente, Francisco Singul, e o responsable de Museografía e Produción, Alfredo Sellier.

Este novo centro ofrecerache unha nova perspectiva sobre as Torres de Oeste, a súa importancia tanto para o territorio de Mar de Santiago como para, no seu día, o interior de Galicia. O percorrido realízase desde a Prehistoria ata o momento actual, enlazando coa celebración da Romaría Viquinga, Festa de Interese Turístico Internacional e un dos grandes reclamos para os visitantes.

Seis zonas expositivas

Se aproveitas a túa viaxe a Mar de Santiago para percorrer o CACTO, o teu percorrido pasará por ata seis zonas expositivas. A primeira delas presenta a orixe, a terra e a xente deste territorio. Nesta sección, achegarasche á cultura funeraria megalítica, aos petróglifos, á Idade de Bronce e á cultura castrexa cos asentamentos prerromanos. Todo eles presentes nos restos que se poden atopar en diversos puntos do municipio de Catoira e que conforman parte ineludible da súa evolución.

Xa desde esta primeira sección, darasche conta da importancia deste territorio na desembocadura do río Ulla. Esta zona destacou como porta de acceso e fronteira de protección desde o Océano Atlántico cara ao interior de Galicia e as terras de Compostela.

Un lugar que resultou clave para os tráficos comerciais marítimos na cultura castrexa e que se seguiu utilizando en época xullo- claudia do Imperio Romano. Precisamente a esta época faise referencia na segunda zona expositiva, baixo o título de Turris Augusti. Como mostra do paso dos romanos pola zona, atópanse distinto tipo de reproducións como ánforas e material doméstico (lucernas, pratos, fontes, cuncos…), ademais de referencias específicas ao asentamento da época imperial en Catoira.

A terceira zona céntrase na Alta Idade Media, reflectíndose nesta exposición o novo protagonismo que cobra a fortaleza, así como as diversas invasións e cambios sucedidos durante esta época. A Galicia sueva, a Monarquía Asturiana -coa que se marca o inicio das Torres de Oeste-, o descubrimento da tumba do Apóstolo, ou os ataques dos viquingos dos séculos IX e X centran gran parte desta sección.

A figura de Diego Xelmírez

O percorrido polo CACTO continúa coa zona expositiva dedicada a Diego Xelmírez, señor de Torres de Oeste. A información achegada aquí fala sobre a era dourada de Oeste -século XII-, coincidindo coa crecente popularidade do Camiño de Santiago, converténdose nun fenómeno de masas. A fortificación cobra un novo protagonismo coa súa reconstrución e reforzo da fortificación, nomeada Castellum Honesti. Fíxose para facer fronte ás incursións das novas ameazas chegadas desde o mar: os homes do norte, que acudían á zona en busca das riquezas en Jakobusland -Galicia-.

Neste contexto xorde a figura de Diego Xelmírez, que viviu de neno no propio castelo de Torres de Oeste e que, posteriormente, xa como arcebispo de Santiago deu un impulso ás defensas da ría de Arousa no propio Castelo de Oeste. Estas accións materializáronse na construción, nos estaleiros do río Ulla, da primeira frota de galeras dos reinos cristiáns da Península Ibéricas, utilizada para combater con éxito as incursións nas costas das rías galegas. Esta temática serve tamén como base para realizar un primeiro achegamento á pegada viquinga en Catoira e que se conmemora todos os veráns a través da Romaría Viquinga.

Esta cuarta sección conclúe coas alusións á evolución das Torres de Oeste tras a súa caída en desuso na época da Idade Media Baixa e as invasións irmandiñas. A evolución ata os nosos días tamén se especifica nesta sección cunhas alusións ao proxecto de recuperación deste enclave histórico e cultural de referencia.

Segunda planta

Na segunda planta do edificio do CACTO creouse un espazo específico á paisaxe e marco xeográfico do contorno no que se sitúan as Torres de Oeste. Aquí inclúese información de lugares como a Ría de Arousa, os municipios de Mar de Santiago e as parroquias de Catoira, dotadas dun valioso patrimonio cultural.

Este sexto espazo expositivo, localizado na segunda planta do edificio, conta cunha parte específica de carácter didáctico. Está pensada para explicar, dun modo lúdico a historia, patrimonio e cultura da zona a escolares e tamén a visitantes. Complétase esta zona cunha pequena biblioteca.

Inmersión na Romaría Viquinga

O CACTO ofrece, finalmente, unha posibilidade de inmersión na celebración máis icónica do municipio de Catoira: a Romaría Viquinga. Esta sala ofrece unha peza audiovisual que funciona como peche e recompilación de contidos dispoñibles neste centro de interpretación.

A maior parte deste curto está centrada nos aspectos máis identificativos de Catoira. Entre eles atópanse a festa do desembarco viquingo e as Torres de Oeste, os pormenores da arquitectura medieval do castelo e os seus valores culturais, sociais e turísticos, como escenario do desembarco e da Romaría Viquinga, Festa de Interese Turístico Internacional. Tamén se ofrecerá unha síntese da historia e do patrimonio histórico, cultural e etnográfico do municipio de Catoira.

En definitiva, un centro que complementará á perfección a túa experiencia en Mar de Santiago. Aproveita a oportunidade para descubrir este novo espazo cultural que che achegará á evolución do noso territorio desde unha perspectiva inmersiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *