Se o teu é o turismo activo, en Mar de Santiago atoparás un xeodestino perfecto para saciar as túas ansias de aventura. Contamos cunha contorna natural incrible e ideal para gozar do deporte, ademais de espazos nos que tamén poderás desfrutar doutras actividades. Neste post descubrímosche 5 plans imprescindibles en Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa.
Sendeirismo
Para as persoas afeccionadas ao sendeirismo, un dos percorridos que non se poden perder, pola súa singular contorna e historia, é o paseo de As Telleiras, en Catoira.
Poderás complementar esta actividade na contorna fluvial das Torres de Oeste. Marabillaraste cos fermosos humedais e coas vistas do singular estuario do río Ulla, ao tempo que descobres os restos da chamada antiga Fortaleza de Compostela.
Outro dos must no noso xeodestino é a ruta das fervenzas e muíños de Parafita e Raxoi, en Valga. Este percorrido levarate por un estreito e accidentado canón polo que baixan as augas do río a cuxo paso forma fermosos saltos e fervenzas ás que te poderás achegar a través de pasarelas e pontes de madeira.
Camiño Portugués
E algo que non pode faltar no turismo activo é a realización dun dos tramos do Camiño Portugués ao seu paso por Mar de Santiago. Un percorrido que te somerxerá en fermosas contornas naturais e que te levará a pequenas aldeas tradicionais, como a de San Xulián, en Pontecesures. A pé da igrexa poderás realizar unha parada para te refrescar na súa fonte ou para tomar un aperitivo a carón do seu lavadoiro tradicional.
Ruta BTT
Se prefires os pedais, Vilanova de Arousa dispón da ruta PR G 126, que une os miradoiros de Faro das Lúas e Cruz de Lobeira, apta para os amantes da BTT. O percorrido, que comeza na igrexa parroquial de András, permitirache gozar dunha fermosa contorna natural.
A medida que vas chegando á cima, verás que o esforzo na bicicleta paga a pena, xa que poderás desfrutar das impresionantes paisaxes da ría de Arousa.
Actividades acuáticas
En Mar de Santiago a auga é unha constante. Por iso, un dos plans que podes desfrutar no noso xeodestino son as rutas en kaiak polo río Ulla. Dispós de diferentes empresas que ofrecen o itinerario da Traslatio que poderás completar a remo.
Sen embargo, para gozares das augas de Mar de Santiago con tranquilidade, a mellor opción é realizar un dos percorridos en barco pola Traslatio. Unha proposta que te levará polo único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo.
Circuíto de karts
E para os fans do motor, Mar de Santiago ofrécevos un planazo: o circuíto de karts en Valga. Unha actividad que poderás combinar con visitas a distintos puntos do noso xeodestino.
Anímaste a desfrutar da aventura en Mar de Santiago? Agardámoste!